Tuesday 14 de May de 2024

Gonzalo Muíños critica que Sanmartín converta o concello “na oficina de colocación do BNG” facendo deste “o goberno máis caro da historia”


Critica que, aos 11 asesores que a alcaldesa “xa ten en nómina” se lle sumen outros seis novos altos cargos incrementando en 600 mil euros os gastos en salarios a cargos de confianza superando, en total, os dous millóns de euros que “está a custar o autonomeado goberno transformador ás arcas municipais”.

O PSOE criticou este xoves a decisión da alcaldesa de crear cinco novas direccións de área, o que implicará ademais a contratación de seis novos altos cargos, que se sumarían aos 11 cargos de confianza cos que xa conta o executivo de Sanmartín. Algo “escandaloso” segundo os socialistas que critican que con isto o Concello de Santiago se estea a converter “na oficina de colocación do BNG”.

Gonzalo Muíños denunciou que con esta ampliación de gasto en salarios a cargos designados “a dedo”, o goberno de Sanmartín vai camiño de ser o “máis caro da historia da cidade”. Explica que estes novos altos cargos suporían un gasto de 600 mil euros a maiores, “en total, o autonomeado goberno transformador custaría ás arcas municipais máis de dous millóns de euros, esperemos que o seguinte non sexa anunciar unha subida de impostos para pagarse os seus soldos” criticou Muíños sinalando ademais que “despois dirá que non ten cartos para o Nadal”.

Precisamente sobre esa autodenominación de ‘goberno transformador’ ironizou o portavoz dos socialistas asegurando que “efectivamente, o goberno da señora Sanmartín está sendo transformador, transformando o concello nun chiringuito cun organigrama a medida para nomear máis altos cargos”. Muíños asegura que este incremento na plantilla de persoal de libre designación unha mostra da “incapacidade manifesta” do equipo de goberno recalcando que o cargo “lles ven moi grande”: “seguramente por iso insisten tanto en que nós entremos no goberno”.